O mundo laboral e das relacións laborais non é o único ámbito afectado por esta revolución dixital, pero dende o Consello Galego de Relacións Laborais entendemos que as organizacións sociais e empresariais teñen que asumir o reto de adiantarse aos cambios disruptivos aos que nos enfronta este futuro, xa case presente, preferiblemente da man daquelas institucións e organizacións que, en Galicia, deben dar unha resposta axeitada á nova realidade do eido socio-laboral.
Coma paradigma do carácter compoñedor do Consello Galego de Relacións Laborais, quixemos que algunhas das cuestións mais urxentes e transcendentes relacionadas coa industria 4.0 e o ámbito laboral fosen sometidas a debate no XVIII Encontro Galego de Relacións Laborais, no que, durante os días 24 e 25 de outubro, participaron as representacións de cada unha das seguintes organizacións ou institucións: os sindicatos mais representativos de Galicia (CIG, UGT-Galicia, e SN de CCOO de Galicia), a Confederación de Empresarios de Galicia, a Inspección de Traballo e Seguridade Social, os seis campus das Universidades galegas, a Xudicatura, os Colexios galegos de Graduadas e Graduados, o Consello da Avogacía e a Xunta de Galicia.
Conformáronse dúas mesas de traballo, moderadas por unha persoa en representación do Consello Galego de Relacións Laborais e co asesoramento externo de persoas expertas, baixo os títulos "Os novos e os vellos empregos" e "As novas tecnoloxías no ámbito das empresas".
As conclusións acadadas conxuntamente, cunha especial trascendencia nas cuestións de xénero, poden ser consultadas no seguinte enlace: Conclusións do XVIII Encontro Galego de Relacións Laborais