A Comisión consultiva autonómica para a igualdade entre mulleres e homes na negociación colectiva foi creada pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia. Actualmente, a súa regulación figura no Título III, capítulo VI (artigos 131 a 138) da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que a define como un órgano de asesoramento, control e promoción da igualdade por razón de xénero na negociación colectiva galega adscrito organicamente ao Consello Galego de Relacións Laborais.
Entre as súas competencias está a de asesorar sobre a redacción e aplicación de cláusulas que promovan a igualdade ou removan discriminacións, a análise dos convenios para detectar cláusulas discriminatorias, a organización de actividades de formación en igualdade de xénero dirixidas a empresas e a organizacións empresariais e sindicais, así como a elaboración de recomendacións xerais sobre o nivel axeitado de representación equilibrada entre mulleres e homes.
Esta comisión consta dunha presidencia, que será desempeñada por quen ostente a do Consello, dotada de voto de calidade; tres persoas en representación das organizacións sindicais máis representativas; e tres persoas en representación das organizacións empresariais máis representativas. Poderán asistir tamén tres persoas de recoñecido prestixio en materia de igualdade por razón de xénero, que participarán con voz, pero sen voto.
As decisións adoptaranse por acordo da maioría absoluta das persoas que a integran con dereito a voto.