Ir o contido principal



Este é o Portal de desenvolvemento do Consello Gallego de Relacións laborais

Que é o AGA

Cartel AGA presentación

AGA: Acordo interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo

O Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA) é un acordo estipulado ao abeiro do artigo 83.3 do Texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, de eficacia xeral, asinado en marzo de 1992 polas organizacións sindicais e empresariais máis representativas na nosa Comunidade autónoma (UGT-Galicia, CIG, SN de CCOO de Galicia e a CEG). Foi o primeiro acordo asinado en Galicia e o terceiro acordo desta natureza asinado a nivel estatal.

En 2013, tras vinte anos de funcionamento cun balance moi positivo, os interlocutores sociais e empresariais consideraron oportuno adaptar o acordo ás reformas da lexislación laboral, que ampliaron e mudaron o seu contido, co respecto sempre do principio de voluntariedade que o caracteriza.

En data 28 de novembro de 2019 asinouse un novo acordo (publicado no DOG de data 12 de febreiro de 2020), que, entre outras novidades, inclúe a xestión dos procedementos de solución de conflitos individuais de traballo, aínda que a súa implantación realizarase de xeito paulatino e gradual. Este novo AGA destaca nos seus contidos pola importancia que lle concede á igualdade entre mulleres e homes, e destaca tamén polos seus ámbitos, xa que é o primeiro e único acordo autónomo que regula e crea procedementos intraxudiciais de solución de conflitos a través da mediación.

O AGA posibilita a procura de solucións aos conflitos colectivos de traballo de interpretación e aplicación, así como de intereses, calquera que sexa o sector ou subsector de actividade sempre e cando o ámbito territorial no cal estes conflitos produzan os seus efectos non exceda o da Comunidade autónoma galega.

Respecto aos procedementos de solución extraxudicial de conflitos laborais individuais, cuxa xestión estase a implantar de xeito gradual, tramitaranse ao abeiro do AGA aqueles que se produzan no seu ámbito territorial e funcional, particularmente os seguintes:

  • Conflitos que se refiran á materia de discriminación directa ou indirecta por mor de xénero, raza ou etnia, relixión ou conviccións, diversidade funcional, idade ou orientación sexual no ámbito do emprego e da ocupación.
  • Conflitos relativos a situacións de acoso no ámbito laboral; os que afecten á conciliación da vida persoal, familiar e laboral; os referidos ás vacacións.
  • Conflitos derivados da decisión empresarial de adoptar unha medida de mobilidade xeográfica ou de modificación das condicións de traballo que non teña carácter colectivo.
  • As sancións impostas á persoa traballadora como resultado do exercicio da potestade disciplinaria recoñecida ás empresas, agás a de despedimento.
  • En xeral, aqueloutros conflitos individuais nos que non é obrigado acudir á conciliación previa no SMAC.

Hoxe podemos dicir que o AGA forma parte da nosa realidade laboral e que é un instrumento útil, un servizo de interese xeral e relevancia pública baseado nos principios de eficacia, gratuidade e celeridade e unha alternativa á vía xudicial, máis próxima e máis satisfactoria para as persoas traballadoras e para as empresas. É a ferramenta imprescindible para avanzar na modernización e mellora das relacións laborais en Galicia.

Persoas actuantes do AGA nos conflitos colectivos de traballo

Tríptico do AGA