De acordo coa normativa reguladora o Consello, para o exercicio das súas funcións, actúa a través dos seguintes órganos:
1) Órganos de goberno
- Órganos unipersonais
- A Presidencia
- A Secretaría Xeral
- Órganos colexiados
- O Pleno
- A Comisión Permanente
2) Outros órganos colexiados
- O Observatorio Galego da Negociación Colectiva
- O Comité Delegado do Pleno para a emisión de ditames
- A Comisión consultiva autonómica para a igualdade de mulleres e homes na negociación colectiva
- As comisións de traballo
Órganos unipersoais de goberno
A Presidencia
A persoa titular da Presidencia do Consello Galego de Relacións Laborais é nomeada por decreto da presidenta ou do presidente da Xunta de Galicia, a proposta da conselleira ou do conselleiro competente en materia de traballo, logo de ser aprobada a proposta pola metade máis unha das persoas membros de cada unha das representacións que integran o Pleno do Consello, reunido para o efecto.
Son funcións da presidencia:
- Exercer a representación do Consello.
- Convocar as sesións do Pleno e da Comisión Permanente, fixar a orde do día e presidir e moderar o desenvolvemento dos debates.
- Formalizar cantos acordos fosen necesarios para o cumprimento dos fins do Consello.
- Supervisar a xestión do conxunto de áreas e servizos do Consello.
- Dirixir, promover e coordinar a actuación do Consello e velar para que se cumpran as súas finalidades.
- Presentarlle ao Pleno o anteproxecto de orzamento anual do Consello.
- Presentarlle ao Pleno o plan e a memoria de traballo anuais do Consello.
- Adoptar as medidas necesarias para aplicar os acordos aprobados polo Pleno, polas comisións de traballo e polo Observatorio Galego da Negociación Colectiva.
- Convocar, por iniciativa propia ou a instancias do Pleno ou da Comisión Permanente, a persoas técnicas ou expertas para que asistan ás xuntanzas dos órganos colexiados, cando se considere conveniente.
- Visar as actas e os certificados dos acordos acadados no Consello.
- Cantas outras funcións sexan propias da súa condición de titular da presidencia.
O seu cesamento efectuarase mediante decreto da presidenta ou do presidente da Xunta de Galicia, por proposta da conselleira ou do conselleiro competente en materia de traballo, coa aprobación previa pola metade máis unha das persoas membros de cada unha das dúas representacións que integran o Pleno do Consello.
A duración do seu mandato será de catro anos, prorrogable a outros catro co pronunciamento previo do Pleno ao respecto.
A Secretaría Xeral
A persoa titular da Secretaría Xeral do Consello Galego de Relacións Laborais é nomeada por orde da conselleira ou do conselleiro competente en materia de traballo entre funcionarias e funcionarios pertencentes ao grupo A1, por proposta de quen ostente a presidencia do Consello, logo de consulta coas organizacións empresariais e sindicais representadas neste. O seu cesamento será acordado por orde da conselleira ou do conselleiro competente, por proposta da presidenta ou do presidente, quen dará conta deste ás organizacións referidas. Como a figura da vicepresidencia queda suprimida, a secretaría xeral asume as funcións que lle eran inherentes.
Son funcións da secretaría as seguintes:
- Ocupar a secretaría do Pleno, da Comisión Permanente e de calquera outro órgano colexiado que puidese constituírse, asistindo ás reunións con voz pero sen voto.
- Exercer a coordinación técnico-administrativa dos distintos servizos do Consello e velar pola súa eficacia e funcionamento.
- Redactar as actas e darlles o curso correspondente aos acordos que adopte o Consello.
- Certificar os actos e acordos que realice e adopte o Consello.
- Despachar coa presidenta ou co presidente os asuntos ordinarios e aqueloutros que lle fosen encargados por aquela ou aquel.
- Asumir a dirección do persoal ao servizo do Consello.
- Elaborar o plan e a memoria anuais do Consello para a súa presentación e conseguinte aprobación polo Pleno, dentro do primeiro trimestre do ano.
- Substituír a presidenta ou o presidente nos casos de vacante, enfermidade ou calquera outra causa xustificada, a xuízo do Pleno, así como substituíla ou substituílo naquelas comisións de traballo que o Pleno determine constituír.
- Expedir certificacións das actas, ditames e acordos aprobados polos órganos colexiados por petición de calquera persoa con interese lexítimo.
- Levar o arquivo e custodiar a documentación dos órganos colexiados do Consello.
- Presidir as reunións do Pleno do Consello de nomeamento ou cesamento da persoa titular da presidencia.
Órganos colexiados de goberno
O Pleno
O Pleno, integrado por todas as persoas que compoñen o Consello, constitúe o máximo órgano de decisión do organismo e atribúenselle as competencias establecidas no artigo 3º da súa lei reguladora e no artigo 10º do seu regulamento interno de organización e funcionamento, que poden consultarse na seguinte ligazón: competencias
O Pleno reunirase en sesión ordinaria unha vez cada dous meses e poderá ser convocado con carácter extraordinario pola persoa titular da presidenta por iniciativa propia, da Comisión Permanente ou por proposta da maioría absoluta das persoas membros da representación empresarial ou sindical.
Os acordos do Pleno do Consello serán adoptados pola maioría absoluta das persoas que o integran con dereito a voto, e faranse constar en acta, se se solicitase, os votos discrepantes, coa fundamentación destes.
A Comisión Permanente
A Comisión Permanente é o órgano de goberno ordinario do Consello Galego de Relacións Laborais, composto por tres representantes das organizacións empresariais máis representativas, tres representantes das organizacións sindicais máis representativas, e as persoas que ocupen a presidencia e a secretaría do Consello.
Entre as súas funcións está a de confeccionar a orde do día das xuntanzas plenarias, elaborar estudos sobre propostas de creación de comisións de traballo, elaborar o orzamento correspondente para cada exercicio, emitir informe para a extensión dos convenios colectivos nos termos establecidos no artigo 7º do Real decreto 718/2005 e pechar a proposta de planificación de actividades do Consello.
Os acordos da comisión serán adoptados pola maioría absoluta das persoas que a integran con dereito a voto, facéndose constar en acta, se se solicitase, os votos discrepantes, coa súa fundamentación.
Outros órganos colexiados
Observatorio Galego da Negociación Colectiva
Para o cumprimento das funcións atribuídas ao Consello no punto c) do artigo 3º da súa lei reguladora, créase o Observatorio Galego da Negociación Colectiva, que se configura como un órgano de carácter colexiado.
Está integrado por seis membros, tres en representación das organizacións sindicais e tres das organizacións empresariais que integran o Pleno do Consello, máis as persoas titulares da presidencia e da secretaría. Poderá contar coa presenza de persoas expertas sen dereito a voto, así como cun asesor ou asesora por cada organización sindical e tres pola parte empresarial.
As decisións adoptanse por acordo da maioría absoluta das persoas que o integran con dereito a voto.
Comité Delegado do Pleno para a emisión de ditames
O artigo 3º da lei reguladora establece como unha das funcións do Consello a de emitir, con carácter preceptivo e non vinculante, ditame sobre os proxectos normativos dos organismos da Xunta en materia de política laboral.
Para o desenvolvemento desta función creouse en 1991 o Comité delegado do Pleno para a emisión de ditames, cunha representación proporcional similar á do Consello e con normas propias de funcionamento, que foran modificadas en 2003. A actual normativa reguladora configura este comité como un órgano colexiado, que garante a eficacia e axilidade na emisión de ditames. O seu funcionamento seguirá as normas previstas no anexo do regulamento interno de organización e funcionamento do organismo. A principal novidade é a fixación dun prazo máis amplo para a emisión de ditames no caso de borradores de anteproxectos de lei e decretos (un mes), sendo de 15 días cando se trate de normas regulamentarias de rango inferior.
Comisión consultiva autonómica para a igualdade entre mulleres e homes na negociación colectiva
Foi creada pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia. Actualmente, a súa regulación figura no Título III, capítulo V (artigos 78 a 84) do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, que define a Comisión consultiva autonómica para a igualdade entre mulleres e homes na negociación colectiva como un órgano de asesoramento, control e promoción da igualdade por razón de xénero na negociación colectiva galega adscrito organicamente ao Consello Galego de Relacións Laborais.
Entre as súas competencias está a de asesorar sobre a redacción e aplicación de cláusulas que promovan a igualdade ou removan discriminacións, a análise dos convenios para detectar cláusulas discriminatorias, a organización de actividades de formación en igualdade de xénero dirixidas a empresas e a organizacións empresariais e sindicais, así como a elaboración de recomendacións xerais sobre o nivel axeitado de representación equilibrada entre mulleres e homes.
Esta comisión consta dunha presidencia, que será desempeñada por quen ostente a do Consello, dotada de voto de calidade; tres persoas en representación das organizacións sindicais máis representativas; tres persoas en representación das organizacións empresariais máis representativas; e tres persoas de recoñecido prestixio en materia de igualdade por razón de xénero, que participarán con voz, pero sen voto.
As decisións adoptaranse por acordo da maioría absoluta das persoas que a integran con dereito a voto.
Comisións de traballo
Segundo a súa lei reguladora, o Consello poderá constituír as comisións de traballo que considere necesarias, así como determinar a súa composición.
As comisións de traballo estarán integradas por persoas designadas polas organizacións empresariais e sindicais representadas no Consello, en proporción e paridade equivalente á do Pleno e terán as competencias que este determine antes da súa constitución.
Estas comisións de traballo examinarán os temas que o Pleno decida e remitirán a este a resolución das súas conclusións. A presidencia e moderación dos traballos nelas desenvolvidos corresponderalle á presidenta ou ao presidente do Consello, ou, de ser o caso, á secretaria ou ao secretario.