INSTRUCIÓNS PARA A TRAMITACIÓN DE CONSULTAS SOBRE CONVENIO COLECTIVO DE APLICACIÓN A UNHA EMPRESA OU CENTRO DE TRABALLO:
A través desta páxina web, pódese solicitar información sobre o convenio colectivo aplicable a unha empresa ou centro de traballo. Para iso, hai que encher debidamente o formulario de solicitude e dirixilo ao Consello Galego de Relacións Laborais a través de correo electrónico (convenios.cgrl@xunta.gal).
O órgano competente para resolver cun ditame as consultas sobre o convenio colectivo de aplicación nunha empresa ou centro de traballo é o Observatorio Galego de Negociación Colectiva do Consello Galego de Relacións Laborais. O ditame será gratuíto e terá carácter non vinculante tendo en conta a información e asesoramento prestado polo persoal cualificado do Consello Galego de Relacións Laborais.
Unha vez que se reciba o formulario e tras comprobar que está correctamente cuberto, o Consello Galego de Relacións Laborais remitirallo ás persoas que integran o Observatorio Galego de Negociación Colectiva – no seu caso- e convocarase unha xuntanza deste.
Nas consultas formuladas ante este organismo sobre ámbito funcional de convenios colectivos en orde á determinación do convenio de aplicación a unha empresa en función das súas actividades, a parte consultante deberá ter en conta con carácter previo a formular a consulta o seguinte:
- O Observatorio Galego de Negociación Colectiva non é un órgano de resposta inmediata sobre os convenios aplicables, senón, como o seu propio nome indica, consultivo e de estudo dos distintos interrogantes que poidan xurdir para a determinación do ámbito funcional do convenio a aplicar en función da actividade empresarial, o que implica non só o estudo previo da consulta formulada polo persoal cualificado do Consello senón ademais o seu posterior exame e aprobación na xuntanza do Observatorio Galego de Negociación Colectiva integrado por membros dos sindicatos e das organizacións empresariais máis representativas da nosa Comunidade Autónoma.
- As consultas presentadas ante este organismo requiren dunha fundamentación adecuada, o que esixe implicitamente un estudo previo por parte do consultante sobre a cuestión en particular así como a exposición dos razoamentos que fundamentan a consulta e que permitan argumentar a resposta, con indicación daqueles convenios sobre os que se formula a consulta en relación coa actividade da empresa ou sobre o descoñecemento destes, no seu caso.
Quen pode formular consultas sobre convenio colectivo de aplicación?
Estarán lexitimados para enviar o formulario debidamente cumprimentado:
- As organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia.
- As organizacións sindicais e empresariais que, en virtude da súa representatividade, acrediten interese lexítimo na consulta.
- Empresa (persoa física ou xurídica)
- O órgano de representación das persoas traballadoras.
- A persoa traballadora na empresa sen representación de persoal.
Requisitos para a tramitación das consultas formuladas.
Deberase achegar a seguinte documentación ou información pola parte consultante:
- Identificación da empresa ou entidade a que se refire a consulta: nome ou razón social, domicilio e teléfono e correo electrónico.
- Lexitimación do consultante conforme os criterios detallados nas instrucións.
- Obxecto social da empresa.
- Epígrafe ou epígrafes de actividade económica nos que a empresa se atope dada de alta a efectos do IAE e do CNAE.
- Relación de centros de traballo da empresa, con indicación da súa localización xeográfica, persoal (sen relación nominal de traballadores) e actividade concreta realizada.
- Descrición detallada da actividade desenvolvida pola empresa a que se refire a consulta, con indicación completa do seu proceso produtivo e das actividades desempeñadas polos seus traballadores. No caso de que se leve a cabo máis dunha actividade indicarase cal é a principal.
- Naqueles supostos nos que a empresa leve a cabo varias actividades susceptibles de ser encadradas no ámbito funcional de distintos convenios colectivos, a parte consultante deberá concretar se as distintas actividades se realizan de forma autónoma, con persoal, medios técnicos e materiais propios, ou se pola contra gardan entre elas unha relación de dependencia produtiva ou organizativa. Para estes efectos deberá sinalar o volume económico de cada unha delas, así como o número de traballadores empregados en cada actividade.
- Estrutura organizativa e características do seu persoal (clasificación profesional, relación de persoal existente-non se esixe relación nominal de traballadores senón postos de traballo, categorías, grupos ou niveis e número de traballadores en cada un deles-, funcións realizadas polos traballadores.)
- Identificación do Convenio Colectivo que a empresa, no seu caso, veña aplicando no momento da presentación da súa consulta. Se fosen varios, indicarase cales.
- Fundamentación e argumentación que motiva a consulta formulada, con indicación dos posibles convenios que puidesen resultar de aplicación e as dúbidas que respecto do seu ámbito de aplicación se formulan.
- Indicación sobre se existe en curso algunha reclamación xudicial en relación coa cuestión formulada, así como respecto de calquera outro asunto sobre o cal a consulta proposta puidese ter incidencia.
- Persoa, teléfono e correo electrónico de contacto.
- O escrito de consulta debe presentarse en documento debidamente asinado polo solicitante.