Ir o contido principal



Este é o Portal de desenvolvemento do Consello Gallego de Relacións laborais

Carta da presidencia

Carta da presidencia

En nome propio e de todas as persoas que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, grazas por visitar a súa sede virtual.

Dende 2022, trinta e catro anos despois da creación do Consello, teño a honra de ocupar a súa presidencia coa responsabilidade de afianzar os importantes logros acadados polos meus predecesores nas diversas áreas de actuación do organismo, achegando a miña experiencia previa na Inspección de Traballo e Seguridade Social, á que agradezo a oportunidade de constatar como a proximidade e o diálogo son ferramentas óptimas para aliñar os intereses de persoas traballadoras e empresas.

Precisamente, o Consello é o espazo institucional de encontro entre sindicatos e asociacións empresariais na nosa Comunidade Autónoma, foro no que se propicia un diálogo entre os axentes sociais que revirte en beneficio do conxunto da sociedade galega.

A principal proxección dese diálogo é a negociación colectiva, a través da que se materializan condicións de traballo axeitadas. Porén, constitúe un dos instrumentos máis útiles para loitar contra as discriminacións laborais e, en particular, para promover a igualdade entre mulleres e homes en asuntos de emprego e ocupación. O Consello conta cos medios para dinamizar tanto a negociación colectiva en termos xerais como a súa proxección específica en materia de igualdade, polo que unha das metas desta presidencia pasa por dotar de maior impulso –se cabe– á eficacia dos devanditos medios.

Por outra banda, a implicación das persoas e das organizacións sindicais e empresariais vencelladas ao Consello teno consolidado como a instancia de apoio público aos mecanismos extraxudiciais pactados polos axentes sociais para a solución de discrepancias de carácter laboral en Galicia. Non podo mais que manifestar a miña total implicación en que no futuro persistan, baixo a cobertura do Consello, os éxitos do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA).

Ademais, no actual contexto de fondas transformacións socioeconómicas, o papel do Consello como órgano consultivo e asesor da Comunidade Autónoma na súa política laboral débese poñer ao servizo das persoas traballadoras, das empresas e das administracións públicas para colaborar en que dos cambios (por difíciles que sexan os retos que traían consigo) xurda un panorama de relacións laborais equilibradas nunha Galicia xusta, competitiva e próspera.

A difusión entre a cidadanía das achegas do Consello en todos os eidos sinalados centralízase nesta páxina web á que dou a benvida a todas as galegas e galegos, agardando que sexa do seu agrado.

 

Antía Sández Callejo

Presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais.