O pasado xoves, 12 de decembro foi un día moi especial para o Consello Galego de Relacións Laborais. Co gallo do seu XXV aniversario, nesa data tivo lugar unha xornada na que contamos coa presenza de 150 personalidades que figuran entre as máis destacadas e representativas do mundo laboral galego e que alí estiveron para celebrar con nós tan sinalada efeméride. Na Cidade da Cultura de Galicia xuntáronse persoas con orixes e traxectorias do máis diverso: representantes institucionais, axentes sociais, inspectores e inspectoras de traballo, catedráticos e catedráticas de todas as universidades galegas, participantes en procesos de negociación colectiva, e persoas que formaron e seguen a formar parte moi destacada do pasado e do presente deste organismo. E fixérono para pór en valor o xa feito, avaliar a presente realidade laboral, e expor as que deben ser as nosas directrices cara un futuro que se presenta apaixonante, cheo de desafíos que enfrontar, e de oportunidades que aproveitar.
Desde o Consello queremos agradecer ás persoas que alí estiveron, a quen por diversos motivos non puideron acompañarnos nesa data, e en xeral a todas e todos os que traballan día a día en prol das relaciones laborais en Galicia o seu esforzo, o seu cariño e a súa dedicación nesta tarefa. Desexamos que estes vinte e cinco anos non sexan senón o primeiro paso cara a un futuro máis xusto, mais solidario e máis produtivo, no que todas as persoas e entidades que forman parte do mundo laboral galego podan acadar en harmonía os seus lexítimos obxectivos
Unha aperta a todas e todos.