O Consello Galego de Relacións Laborais, conforme á proposta da Comisión Consultiva Autónoma para a Igualdade entre Mulleres e Homes na Negociación Colectiva, acordou a celebración desta xornada co obxectivo de analizar, por un lado, a incorporación do principio de igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes á negociación colectiva e, por outro, a integración da igualdade de xénero nas políticas de responsabilidade social das empresas (RSE).
Nesta xornada tentarase dar resposta a preguntas como se creceu o número de convenios colectivos que introducen no seu articulado cláusulas sobre igualdade?, se é posible que as empresas voluntariamente acorden coa representación das traballadoras e traballadores accións de RSE consistentes en medidas laborais para promover condicións de igualdade entre as mulleres e os homes no seo da empresa?, como valoran a implantación do principio de igualdade nas relacións laborais as organizacións sindicais e empresarial máis representativas en Galicia? ou a que novos retos se enfronta hoxe o mundo das relacións laborais en materia de igualdade?
A estas e a outras preguntas intentarán dar resposta as persoas que interveñen nesta xornada, que nace cunha vocación de utilidade pública e cunha finalidade de posta ao día respecto dun tema de actualidade: A igualdade por razón de xénero nas relacións laborais.
Número de prazas: prazas limitadas ata completar o aforo.
Inscricións: Faranse por orde de solicitude ata completar o aforo, en horas de 8:30 a 14:30, dende o 6 ao 14 de xuño de 2011, no seguinte enderezo:
Consello Galego de Relacións Laborais.
r/ Algalia de Abaixo, 24 Santiago de Compostela
Tfno.: 981 957 489
Fax: 981 541 610
e-mail: maria.jesus.diaz.lorenzana@xunta.es