Tal e como estaba previsto, publicáronse os estudos e informes deste ano 2007. Pódense citar os seguintes:
Recompilación de ditames: En exercicio da sua función de máximo órgano consultivo da Xunta de Galicia na sua política laboral, no ano 2006 emitíronse 45 ditames a outros tantos proxectos normativos.
A recompilación dos ditames reflicte de modo fiel o parecer dos axentes sociais galegos sobre a política laboral da Xunta, así como o texto das normas ditaminadas.
Memoria de actividades: O ano 2006 foi un ano intenso na actividade do Consello de Relacións Laborais no exercicio das competencias atribuidas pola sua lei reguladora. A memoria anual recolle na medida do posible un resumo das principais actividades desenvolvidas.
Estudo sobre a situación sociolaboral da muller en Galicia: A constatación dunha serie de datos obxectivos que inducían a preocupación, levou a que o Pleno do Consello acordara encargar un estudo sobre a situación real da muller no mercado de traballo. O traballo confiouse a un equipo de autores/as, independente, que presentou un resultado que mereceu a valoración positiva das organizacións presentes no organismo.
Informe anual sobre a situación da negociación colectiva en Galicia, con carácter único na nosa Comunidade Autónoma, que analiza a totalidade de convenios colectivos vixentes en Galicia no ano 2006, os negociados nese ano, así como os convenios estatais con efectos no territorio galego.
Informe sobre a situación sociolaboral da Comunidade Autónoma Galega en 2006. Cumprindo o mandato previsto na súa lei de creación o Consello da conta anualmente da situación sociolaboral da nosa comunidade a través dun exhaustivo informe, que se ven publicando desde hai 16 anos.