O uso dos Mecanismos Alternativos/Alternos de Solución de Conflitos (MASC) – ADR en inglés- consolidouse en todo o espectro internacional como unha política eficaz para que os cidadáns obteñan unha resposta rápida e satisfactoria ás súas disputas.
A eficacia e utilidade destes métodos revélase dende distintas ópticas: a) abaratamento do conflito e do proceso de resolución; b) maior celeridade na obtención da resposta á disputa; c) maior satisfacción para as partes implicadas; d) alivio da carga dos tribunais.
A iso haberán de engadirse ademais algunhas outras que inciden de maneira moi especial naquelas relacións xurídicas que se caracterizan por unha natureza sinalagmática expresada con duración no tempo. Así sucede coa relación laboral nada do contrato de traballo, á que se van dirixir estas reflexións. A diferenza do que ocorre coas obrigas de execución instantánea, o tracto sucesivo do contrato de traballo –unido ao seu carácter persoalísimo (en relación cunha das súas partes)- acrecenta a necesidade da salvagarda da saúde da propia relación e da garantía do seu desenvolvemento pacífico.