Ir o contido principal



Este é o Portal de desenvolvemento do Consello Gallego de Relacións laborais

CLAUSURA DO XVI ENCONTRO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS

O XVI Encontro Galego de Relacións Laborais tivo lugar na illa da Toxa os días 13 e 14 de novembro. Asistiron máis de 80 persoas, representantes dos axentes sociais galegos, da Inspección de Traballo, da Xudicatura, das Universidades galegas e da Administración Pública Galega, xunto cos xestores dos sistemas de solución extraxudicial de conflitos de traballo de Andalucía, Navarra, Aragón e Cantabria.
Cumprindo cunha cita xa clásica no panorama laboral galego, o Consello Galego de Relacións Laborais convocou aos principais protagonistas das relacións laborais galegas para tomar o pulso da nosa cuestión social.
O desenvolvemento do Encontro, presidido polo debate fructífero, o enriquecemento de ideas coas diferentes posturas e a convivencia harmónica de colectivos ben diferenciados nas súas formulacións, estruturouse nunha mesa redonda sobre "A solución extraxudicial de conflitos individuais de traballo" e tres obradoiros simultáneos, sobre os seguintes temas de actualidade:
1º. A crise económica e o seu impacto no presente e no futuro das relacións laborais.
2º. A incorporación da igualdade na negociación colectiva galega.
3º. Oportunidades na nova regulación do Consello Galego de Relacións Laborais.
O resumo do Encontro, elaborado sobre o traballo das Mesas, recolleu os puntos debatidos polos participantes e foi presentado durante a clausura, celebrada ás 18:30 horas do venres 14, presidida polo conselleiro de Traballo, Ricardo Varela. No acto estiveron tamén presentes, ademais do presidente do Consello, Demetrio Fernández; a directora xeral de Relacións Laborais, Pilar Cancela; o vicepresidente da CEG, Francisco Rodríguez, o secretario xeral do S.N. de CC.OO. de Galicia, Xan María Castro, o secretario de acción sindical de UGT-Galicia, Eladio Romero e o secretario confederal de relacións institucionais da CIG, Bautista Vega.