Ir o contido principal



Este é o Portal de desenvolvemento do Consello Gallego de Relacións laborais

Actividades do Consello Galego de Relacións Laborais previstas para o ano 2008

ACTIVIDADES 2008 CGRL

- NEGOCIACIÓN COLECTIVA:

Estanse a negociar no consello, ou hai previsión certa para o ano en curso, os convenios de actores e actrices de teatro de Galicia, dobraxe, salas de exhibición cinematográfica de Galicia, acción e intervención social, limpeza hospitalaria, deportes e empresas culturais, industrias vitivinícolas de Galicia, e cara a finais de ano transporte de enfermos e accidentados en ambulancia, todo isto sen perxuizo de aqueles nos que se solicite asistencia técnica, promoción ou estudios comparativos ao longo do ano.

De recollerse na norma que os regula, desenvolveranse activamente os pactos sectoriais de estabilidade.

Se prestará a cobertura que sexa demandada ao acordo marco de negociación colectiva.

Respecto do grupo de traballo de negociación colectiva, celebrará alomenos 2 xuntanzas ordinarias, unha para aprobar o informe da negociación colectiva 2007 e outra para a posta en marcha do observatorio da negociación colectiva. A previsión para este ano, sería facilitar os datos cuantitativos na primeira quincena de marzo, e o global do informe no mes de xuño. Nesta materia haberá que traballar para adaptarse aos cambios dos CNAES, que entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2009.

- EMISIÓN DE DITAMES:

Está feita a recompilación dos ditames do ano 2007, pendente da aprobación do concurso de publicacións, para a súa publicación e distribución ás organizacións e organismos remitentes.

Entregarase a recompilación das consideracións que foron tidas en conta e das que non dos ditames emitidos no 2007, así como os seus correspondentes cadros gráficos.

Farase un seguimento de cada unha das normas que veñan a ditamen, que sexan renovación doutra dun ano anterior, para que veñan acompañadas da correspondente relación de resultados, número de solicitudes, de resolucións, etc., de xeito que permita coñecer ao comité delegado o alcance práctico da norma.

Como consecuencia da entrada en vigor da nova lei reguladora do Consello Galego de Relacións Laborais, ampliase o prazo de emisión de ditames a 30 días hábiles cando se trate de anteproxectos de lei e decretos e a 15 días hábiles cando se trate de normas regulamentarias de rango inferior.

Faranse os trámites oportunos diante da Xunta de Galicia para o recoñecemento de sinatura electrónica dos membros do comité delegado para emisión de ditames, coa finalidade de facer toda a tramitación dos mesmos en soporte electrónico.

De acordo con estes dous últimos puntos, modificarase o regulamento para emisión de ditames.

- SOLUCIÓN EXTRAXUDICIAL DE CONFLITOS:

Estase a facer a distribución de dípticos, libros personalizados do AGA e carteis entre a confederación de empresarios, federacións e unións comarcais das organizacións sindicais.

Intensificarase un seguimento de todos os conflitos colectivos da Comunidade autónoma, para tratar de atraelos ao AGA.

Elaborarase unha enquisa de grao de satisfacción dos usuarios do AGA, para ser analizada nunha permanente; na mesma garantirase o anonimato dos enquisados, e centrarase na calidade do servicio prestado polo Consello.

- CURSO SUPERIOR DE RELACIÓNS LABORAIS:

A clausura da XVIII edición está prevista para o 23 de Maio coa conferencia de Dona María Emilia Casas Bahamonde.

Celebrarase unha comisión permanente no mes de Xuño para analizar as valoracións feitas polos alumnos, así como para estudiar as condicións de acceso a un modulo complementario para acadar o título de especialista en Dereito Laboral, que nos últimos dous ano se recoñece, pero non así ás anteriores promocións.

Renovarase o convenio de colaboración coa USC para a celebración da XIX edición, dando comezo o 21 de Novembro.

- XVI ENCONTRO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Temáticas, contidos e desenvolvemento, analizaranse nunha comisión permanente no mes de xullo. As datas de celebración serán os días 13 e 14 de Novembro.

- SEMINARIOS FORMATIVOS:

Con caracter conxunto para cadros empresariais e sindicais.

- Pazo de Lestrove, os días 3 e 4 de Abril sobre Principios para unha negociación efectiva.

- Pazo de Lestrove, os días 25 e 26 de Setembro sobre Comunicación e habilidades interpersoais na negociación.

- XORNADAS DE PROMOCIÓN DO DEBATE SOCIAL:

Dentro da función legal de fomento do debate social e do coñecemento das cuestións da maior actualidade laboral, o Consello celebrará unha serie de xornadas, con especial atención ás novidades que poidan xurdir, así como ao papel esencial que en todas as cuestións laborais lle corresponde á negociación colectiva.

1. Ourense, 13 de Marzo, Xornada sobre A formación continua: Situación actual e perspectivas de futuro.
2. Lugo, 21,22 e 23 de Abril, II Xornadas sobre Cuestións Xurídico Laborais de actualidade.
3. Santiago de Compostela, 29 de Abril, sobre As reformas da seguridade social na Lei 40/2007.
4. A Coruña, 8 e 9 de Maio, sobre A xurisprudencia laboral europea.
5. Pontevedra, 18 de Xuño sobre Aspectos laborais na atención á dependencia.
6. Ferrol, 5 e 6 de Novembro, sobre Cuestións Xurídico laborais de actualidade.
7. Vigo, 27 e 28 de Novembro sobre Xubilación e emprego: O factor da idade na relación laboral.
8. Santiago de Compostela, data a determinar pola comisión permanente, xornada sobre Negociación colectiva.

- PUBLICACIÓNS E INFORMES:

1. Recopilación de Ditames: Publicación no primeiro semestre do ano.
2. Memoria de actividades: Aprobación no primeiro pleno do ano e publicación no primeiro semestre do ano.
3. Informe da situación da negociación colectiva 2007. Aprobación polo grupo necol e publicación no primeiro semestre do ano.
4. Informe da situación sociolaboral 2007. Elaboración pola equipa de autores de anos anteriores. Xuntanza cos autores nunha permanente para coñecer o estado de elaboración do mesmo. Aprobación polo pleno.
5. Memoria de actividades XX anos do Consello Galego de Relacións Laborais. Aprobación pola Permanente, cara á súa presentación na conmemoración dos 20 anos do Consello.
6. Estudio sobre inmigración e mercado laboral. Elaboración por un equipo de autores dirixido por Xavier Garate. Presentación dun borrador do mesmo no primeiro pleno do ano. Aprobación polo pleno e publicación neste ano.
7. Estudio sobre creación de emprego e aspectos laborais na atención a maiores e dependentes. Aprobación polo pleno e publicación neste ano. Aínda pendente de atopar equipa de autores para o mesmo.
8. Estudio sobre a solución extraxudicial de conflitos individuais: A situación nas distintas comunidades autónomas. Elaboración no presente ano e aprobación no último pleno do ano.
9. Revista galega de Dereito social: Modificación dos seus contidos, conforme ao esquema adxunto, presentación ao pleno por algún dos membros do consello de redacción.

- INFORMACIÓN AO PLENO:

Seguirase reclamando información sobre expedientes de regulación de emprego e actuacións dos SMACS.

- VARIOS:

1. Acto de celebración dos 20 anos do Consello, na data mais próxima posible ao 12 de xullo, contando co Presidente da Xunta, Presidente da CEG e dos Secretarios Xerais dos tres sindicatos, ex-presidentes do Consello, ex-membros do pleno do Consello, presidentes de consejos de relaciones laborales doutras comunidades, etc..
2. Entrada en vigor da Lei do Consello. A previsión situase en torno ao verán, posiblemente despois deste.
3. Incorporación de novo persoal: Progresivamente no transcurso do ano, a medida que rematen as obras actualmente en execución.
4. Desenvolveranse os aspectos da lei de traballo en igualdade das mulleres que afectan ao consello.
5. Renovación da páxina Web: Logo de catro anos en funcionamento, se actualizará e modificará para facela mais áxil e mais dinámica nos seus contidos, mais atractiva na súa configuración, e para incluírlle lexislación laboral de interese.